Crea vía web o teu cd-vivo personalizado

NimbleX é un sitio web que aloxa un proxecto de distribución GNU/Linux que ten a particularidade de ofrecer personalizacións da mesma con tal de ires respostando a unhas poucas preguntas, todas elas moi sinxelas.

O proceso a seguir é simple. Vas a esta páxina,  respostas ás preguntas de personalización e en 24 horas eles constrúen o cd-vivo (imaxe ISO) para que logo fagas a súa descarga.

A distro NimbleX está baseada no Slackware.

Atopei isto aquí que, á súa vez, sinala a esta fonte.

asennadas

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2001, IES no Meixueiro)

Trala breve (3 meses) experiencia como substituto en ciclos de Economía na Estrada, seguiría crendo que, sen présa, ía facer enxeñaría informática pola UNED. Mais non tiven nin tempo de coller forzas dado que axiña me chaman de novo para unha nova substitución no IES Ricardo Mella do Meixueiro, preto de Vigo.

Foi moi curioso o tempo que alí pasei pois, en principio, só iría substituir ao xefe de estudos uns quince dias. Porén a súa doenza foi máis grave e finalmente cheguei estar alí ata xullo. Facendo o que? Pois cinco horas de contabilidade como horario lectivo e o resto como xefe de estudos! Incríble! Como é posible que un pringao poida ser xefe de estudos? Ben, a verdade é que non fixen máis ca estar no seu despacho, facer unhas rutinarias anotacións a cotío e logo todo o tempo sobrante para min. E claro, ese tempo ía para fedellar cun portátil que mercara de segunda man ao que lle instalara unha Slackware 7.0 e un FreeBSD.

Nese IES aproveitei para imprimir moitos manuais que se xuntarían á xa ampla colección de libros e revistas (mercábaas todas, mes a mes) que posuía sobre GNU e Linux. Alén diso, o horario era magnífico, traballaba de 18hs ás 22 hs, só iso. Bo soldo e horario de envexa... seino.

Un dos fitos dese ano foi, con certeza, a reunión do departamento de Economía. Nun dos puntos do dia estaba preparar e orzamentar a chegada do Hasefroch XP. A pesares de ser substituto tiven que asistir a dita reunión. Sabía das intencións da migración a XP mais non sabía do rexeite tan acérrimo que tería a miña proposta de migración cara GNU/Linux. Houbo excusas de todo tipo e gusto, como "é que as empresas a onde van ir traballar empregan Hasefroch", "é que todo o mundo emprega Hasefroch"... e non convenceron as miñas razóns de liberdade, independencia tecnolóxica, aforro (+100.000 ptas o XP profesional e algunha cousa máis para un único posto en troques dunha caixa con varios CDs e libros para todo o instituto por 12.000 ptas), etc. Até houbo tensión no debate, demasiada tensión... Era eu contra todos, un pringao contra todos!

Logo souben dunha ulterior xuntanza na que non participaría polo seu caracter, digamos informal, no que o responsable comentaría que para aprender Linux custaría un mínimo dun ano. En fin, aquel dia marcaríame profundamente pois fun un descoñecido para min mesmo, nunca fora quen de enfrentarme a un grupo numeroso en solitario, nunha loita todos contra un, un contra todos.

Nese IES coñecera a outro economista no meu departamento que comezaba interesarse polo SwL e a quen lle instalara GNU/Linux no seu portátil. Mágoa non ser quen de configurarlle axeitadamente as X (contorna gráfica) pois a súa tarxeta gráfica non estaba aínda soportada porque iso deulle forzas a quen rexeitaba a miña proposta de liberdade.

Outra anécdota. Un dos meus compañeiros da xunta directiva quería procurar a letra dun tema country. Procurou en Terra, Lycos... e aínda non coñecía Google. Aliás, ninguén coñecía Google! Daquela estábamos no estoupido bursátil das puntocom. Puxo Google como páxina preferida ao comprobar que lle atopara o que procuraba.

A pesares da tensa experiencia sufrida naquela reunión de departamento, esa substitución lembrareina sempre con moito agarimo pois tiven tempo de mellorar os meus coñecementos técnicos, dispor de tempo de lecer e solidificar a ética da libre transmisión do coñecemento.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (2000, UNED e IES)

Aprendín moito no LinuxMaster do 1999 e comecei pensar na posibilidade de aproveitar o tempo libre que tiña facendo a enxeñaría técnica informática pola UNED. Amais é que resultaría até cómodo pois xa tiña o 1º de enxeñaría aprobado e a carreira de CC. Económicas ben rematada. Non errei ao supoñer que me ían convalidar unha morea de asignaturas. E así foi, creo que foron ata 7 ou 9 asignaturas convalidadas, todas as que máis me custaría facer: matemáticas, física, estadísticas e até algunha específica de Económicas. En resume, tiña que facer a carreira cunhas 23 asignaturas, todas específicas de informática, é dicir, o ideal!

Namentres non chegaba o comezo de curso, seguín practicando a reo. Probara as distros Mandrake 6.1, Slackware 7.0, a brasileira Conectiva 4.1... e até cheguei mercar varias delas.

Comprendía o modelo de negocio que se asentaba arredor do Sw Libre e mailo Open Source, sempre de xeito autodidacta e solitario pois aínda non tiña con quen compartir esta paixón, agás co amigo Manuel, con quen seguía facendo quedadas de fin de semana. Daí que mercara distros de libre descarga. Fíxeno por diversas motivacións. Sentíame na obriga de axudar a quen mo daba de xeito libre, tamén quería ler as documentacións que incluía, os adhesivos que acompañaba... en fin, tampouco eran moitos cartos (unhas 10 ou 15.000 ptas).

OpneBSD 2.7A primeira que merquei foi a OpenBSD 2.7 (aínda a conservo). Xa probara a FreeBSD mais esto era outra cousa moitisimo máis complexa. OpenBSD vén pechada por defecto, é dicir, o que queiras facer en rede significaba complexos axustes para un simple afeccionado. Porén, adoraba varias calidades das *BSD (probei FreeBSD e OpenBSD) como a velocidade, limpeza, o doado da compilación do seu kernel ou o seu make world. Imprimín as súas documentacións para pór en práctica todo canto poidese.

Comecei o curso na UNED tendo preparadas as ferramentas axeitadas para estudar e practicar, sempre evitando empregar sw pivativo. Levando un mes ou algo máis recibo unha chamada solicitando a miña incorporación como substituto no IES Antón Losada da Estrada para dar... materias de Economía! Finalmente aceptei ir por mor dos conselllos familiares.

Alí atoparíame ao xefe de estudos que xa estaba a traballar nunha RedHat para os seus documentos en Latex. Ninguén máis sabía do tema. Puiden sementar algo de SwL no módulo de Informática pois un dos seus profesores, Marcial, amosara interese no tema polo que puiden deixar un par de equipos con GNU/Linux e arranque dual. Sei de primeira man que hoxe traballan moito con SwL, sobre todo en servidores.

Na Estrada estiven ata febreiro do 2001, só tres meses. O tempo suficiente para ter que adiar os meus recentemente iniciados estudos de enxeñaría.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (’98-’99, libros, revistas e internet)

A miña implicación co SwL foi aumentando exponencialemente aínda que con moita dificultade por mor de non dispoñer de ninguén na miña contorna que me axudara ou, como mínimo, compartira experiencias.

Seguía xogando con simuladores de F-1 nun Pentium I á vez que aprendía cousas coa Slackware no 486, lendo howtos, páxinas man e practicando. Souben entrar en modo gráfico grazas ao startx que puiden facelo rular na enésima tentativa tras probar diversas configuracións das XFree. O xestor de fiestras era Fwwm95. Todo iso sen aínda ter conexión a internet na casa...

Xestor de fiestras Fwwm95

En setembro de '98 comezo un curso de ofimática, algo que á larga só aproveitaría ata finais dese ano, estragando o que restaba de curso do '99 porque a miña adicación ía medrando para GNU/Linux e, cada vez menos, aos simuladores e nada á ofimática.

No '98 mercara o meu primeiro libro sobre SwL, Manual Avanzado de Linux por Raúl Montero da editorial Anaya, baseado na Salckware 3.4. E tamén a miña primeira revista, o nº 5 de Linux Actual por 995 ptas que hoxe conservo. Era carísima pois a PC-Actual vendíase a toda cor por menos da metade de prezo e co cuádriple de páxinas! Na portada da revista aparecía o KDE-1.0 e incluía como artigos "Etx2: El sistema de archivos de Linux al detalle", "Curso de programación en Tcl/Tk" e un cdrom coa terceira entrega da Debian 2.0 Hamm. A partir de decembro '98 tamén comecei mercar Sólo Programadores Linux, era a nº 4 e viña cun cdrom co Netscape 4.08, StarOffice 5.0 e o KDE-1.2.

A primeiros do '99 merquei un P-II a 350 con 128MB RAM. Daquela vendíanse normalmente con 32MB, raramente con 64MB. Por suposto, negueime a pagar licenza por Windows aínda que recoñeza que logo o pirateara para poder instalar os meus xogos de F-1. Elexín Arrakis como ISP para o meu acceso a internet a 56K con tarifa plana nocturna.

Axiña fun entendo o do modelo de negocio no SwL pois ao pouco mercaba unha distro española, ESware, baseada en RedHat e case de contado un novo libro, La Biblia de RedHat de David Pitts. Por entón non gastara nin a décima parte co sw privativo!

Xa tiña o verme no corpo! Todo era ler, subliñar, practicar, procurar na web, ler, marcar páxinas, preguntar nos newsgroups e mercar máis libros e todas as revistas. O que teño eu de libros, revistas e cds, mimá! Na primavera do '99, por fin, comezaba facer quedadas as fins de semana con Manuel Pumar, o mantedor de sistemas da academia Samicro.

O meu xogo preferido xa era o SwL!

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (instalando Slackware 3.2)

Tralos disquetes para arrancar o sistema mínimo viña o asunto de particionar o disco co fdisk como dicía no anterior artigo. Despois tiña que pór a orde setup para entrar no proceso de instalación.

A seguinte fase era elixir o teclado español (souben que teclado dicíase keymap!), o cal non significaba que quedara perfectamente configurado... todo era complicado, moi complicado, sobre todo para alguén como eu que nin usuario avanzado me podía considerar. Mais, como traballaba cun 486 vello, non me importaba destruir o Windows, tampouco creo que fora quen de perservalo se me puxera a ilo. Ese equipo era para ir a saco, tíñao claro.

O formateo incluía opcións como tamaño de bloques, chequeo... Logo era o da selección da fonte de instalación (cdrom) que deixaba como /dev/hdb. A selección de software aparentaba algo máis doado pois viña por grupos. Todo isto facíase desde un menú onde ía elixindo que facer, non era unha sucesión ordenada de pantallas.

Tralo software instalábase o LILO (LInux LOader), o xestor de arranque. Podía voltar ao menú e tentar configurar o GPM (para poder copiar e pegar na liña de comandos), a rede (aínda non tiña nin rede nin conexión a Internet), o fuso horario, etc.

Reiniciaba e si, semella que todo rulaba se non fora porque o arranque hiperinformativo (que morea de mensaxes mostraba! e que cousas tan estrañas!) remataba cun login:. Nada de contorna gráfica! E agora que fago?

Durante un bo tempo fun pouco a pouco meténdome neste tinglado, sen saber ben que facer, sempre lendo e practicando. Porén persevaba a idea de facer un curso de ofimática (comezaría en setembro de1998) e preparaba o investimento dun novo PC co que quería poder xogar aos simuladores de F-1 que tanto me atraían.

Por entón, cando falaba de Linux, GNU e esas cousas, a resposta era de estupefacción: que é iso? Claro, refírome á miña contorna de amizades. Despois sabería que moita xente xa estaba de cheo nisto, mais supoño que case que toda ela tiña perfil técnico...

Nota: Non foi ata primeiros de 1999 cando comecei escribir en libretas (teño máis dunha dúcia cheíñas!), a xeito de diario. Aínda que pasara por varias distros, á Slackware gárdolle un especial cariño, pois con ela fixen de todo: instalar o Apache, usar SSH, compilar o kernel e moitas aplicacións... O que describín ata aquí foi todo de memoria e rescatando algo do posto nas libretas posto que Slackware apenas variou en anos o seu proceso de instalación. Irei resumindo o que veu máis como unha historia e conxunto de anécdotas ca descricións técnicas. Procurarei incluir estas descricións cando ilustren mellor á historia destes anos.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (anos de dualidade)

Como dixen, non era nin minimamente un usuario experto cando me dera de bruces co SwL. A salvación era seguir escrupulosamente as instrucións dun manual atopado na web. Tiña unha máquina vella coa que poder fedellar sen límites e moita curiosidade, toda a que non atopara nos anos anteriores fóra do ámbito ofimático ou lúdico.

Ao tempo fun considerando a posibilidade de facer un curso ofimático (si, formarme para o Office 97) pois non era normal as horas que estragara facendo o proxecto empresarial no curso aquel da Escola de Negocios CaixaVigo. Fun preguntar a varias academias e en todas elas ía preguntando por Linux...

Nada diso tiñan no eido formativo pero nunha delas, dada a miña teima, presentáronme ao responsable do mantemento dos equipos que, tras convencelo, deixoume facer unha copia dunha Slackware 3.1 que el nin probara.

Entón comecei a andaina. Tiña que facer disquetes para que poidera arrancar o PC polo cdrom trala introdución do adecuado floppy (disquete). Para iso a Slackware viña co programiña rawrite. Con el tiven que facer cousas dentro do Windows como:

cd \bootdsks.144

rawrite bare.i a:

cd \rootdsks

rawrite color.gz a:

Con isto xa podía entrar na BIOS, dicirlle que arrancara polo floppy e tras cargalo xa arrancaba o cdrom co que, por fin, comezaba a instalación. Había que facer as particións e daquela empregábase o fdisk a pedal. Claro, todo era pola liña de comandos!

fdisk /dev/hda

O resultado dun 'Intro' premido tras escirbir aquilo era unha pouca atractiva imaxe:

Command (m for help): m
Command action
   a   toggle a bootable flag
   b   edit bsd disklabel
   c   toggle the dos compatibility flag
   d   delete a partition
   l   list known partition types
   m   print this menu
   n   add a new partition
   o   create a new empty DOS partition table
   p   print the partition table
   q   quit without saving changes
   s   create a new empty Sun disklabel
   t   change a partition's system id
   u   change display/entry units
   v   verify the partition table
   w   write table to disk and exit
   x   extra functionality (experts only)

E claro, co que eu sabía (que era nada)... isto espantaba ou pasaba a ser un auténtico reto.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (os derradeiros anos escuros)

No curso de Introdución á Informática do '89 vira moitas cousas do MS-DOS e, abofé, debería ser un presaxio como outros que viñeron despois, pero non me agradaba nada o de M$. Merquera un libro do MS-DOS, si, practiquei cousas, si, peron non me agradaba.

A finais do ano 1990 meu pai decidiu mercar o primeiro PC que tiven, aínda que fora adicado á tenda e establecido nela. Era un Compaq Deskpro 386 de 20 MHz (sen coprocesador matemático), 100 MB de disco duro, disquetera de 3 1/2" en troques das estándares 5 1/4" e os abraiantes 2 MB RAM. Isto xunto cunha impresora de agullas e un SAI que pesaba toneladas sumaron a nada desdeñable cifra de 1 millón de pesetas... pero finalmente houbo unha rebaixiña na que aforramos unhas 100.000. Xunto ao equipamento houbo que mercar por fóra unha folla de cálculo Borland Quattro Pro, acho que unhas 32.000 ptas con interface ao estilo ncurses, e un programa de xestión comercial do que non lembro o seu custe. Por suposto, mea culpa, o sistema operativo e outras aplicacións eran piratas mais é que por iso estou a calificar estes anos como escuros, non é?

Aproveitei ese equipo para instalar uns primitivos xogos, moi semellantes aos que disfrutaba na sala de recreativos da rúa Estrela, preto da miña casa. Entroume o verme no corpo. O equipo facíase axiña insuficiente en todos os aspectos, sobre todo en canto a RAM, espazo en disco ou a carencia de CD-ROM. Porén, trocalo seguía implicando un forte desembolso e daquela estábamos metidos nunha fase de forte investimento familiar e, polo tanto, con dificultades financieiras.

Espremino moitísimo durante un curso superior de dirección de empresas que fixen coa Escola de Negocios Caixavigo (hoxe, Caixanova) aló polo 94-95. O meu proxecto empresarial esixiu unha morea de horas de adicación en follas de cálculo, xa cunha mellorada Quattro Pro, procesador de textos WordPerfect 5.1... como sempre, o máis lonxe posible de M$, por nada en especial, senón por curiosidade ou calquera outra minucia. Ben lembro que a veces me levaba longos minutos imprimir cada unha das páxinas do proxecto por mor do pobre equipamento e as novas aplicacións, daquela xa gráficas e semellantes ás que hoxe coñecemos.

Algúns colegas de ese curso seguimos unha boa tempada véndonos. Nunha desas quedamos a tomar un algo nunha cafetería que ofrecía conexión a Internet (1994-95?). Foi unha descoberta incríble! Fun varias veces a ese lugar a navegar torpemente, sen saber ben o que facer ata collerlle xeito. Pode que fora o primeiro internet-café da Coruña.

Namentras, os anos pasaban... O meu cuñado deixou un vello 486 clónico con cdrom e 16 MB de RAM, para empregalo nos ensaios do dúo pop-rock que daquela formaba con Susana. Apropieme o que puiden dese PC, pasaba infinitas horas con el. Procurei memoria extra e amplieina ata os 32 MB.

Por encuanto lembro facer buscas na web sobre sistemas operativos e, milagre!, dinme de bruces cun artigo que falaba de Unix, root e unha alternativa free nomeada Linux. Inmediatemente souben dunha comunidade altruista, do proxecto GNU, da distro Slackware e até atopara un artigo amosando como obtela e instalala. Imprimín ese artigo, procurei máis información e fun collendo forzas. Era o remate do verán de 1997, uns meses despois do nacemento de Carla.

slacklogo2.jpg

Chuzame! chuzame -