A Administración Pública non garante a autonomía tecnolóxica

Comecei vendo esta nova aquí e logo, grazas a ser repartida pola axencia EFE, tamén nestes outros medios.

As personalidades expertas que debateron sobre as políticas tecnolóxicas que seguen as administracións públicas no curso "Coñecemento e software libre: aspectos tecnolóxicos e sociais", celebrado esta semana en Mérida, constataron que "na súa maioría son incompletas, insuficientes e inadecuadas". Así o sinalou o coordinador de curso de verán da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Mérida, Rafael Pastor.

Os expertos coincidiron en que as políticas tecnolóxicas deberían ser "máis amplas, firmes e decididas" para aproveitar "definitivamente unha posibilidade histórica que, se se escapa, non volverán ter".

Neste senso, o director da Oficina de Software Libre da Universidade da Lagoa, Rodrigo Trujillo, explicou que os mecanismos de contratación e relación coa administración pública non garanten a "autonomía tecnolóxica", porque non aseguran "a existencia de opcións tecnolóxicas, que estas sexan coñecidas e menos aínda que sexan accesibles para todas as persoas e entidades".
Agás en poucos e coñecidos casos, son doadamente comprobables estas afirmacións. Basicamente a clase política descoñece e/ou está moi parcialmente asesorada mais as consecuencias disto pagámolas a cidadanía xeral.

Unha sensación de impotencia percorre o ánimo do activismo que, a pesares de ter gañadas algunhas batallas, percebe como, en liñas xerais, esta opotunidade histórica semella estar a se escapar entre os dedos das nosas mans...parvos somos se isto acontece.

asennadas

Chuzame! chuzame -

UNED terá cursos de Coñecemento Libre este verán

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), con máis de 180.000 alumnos matriculados cada ano, incorporou aos seus cursos de Verán o debate sobre a necesidade social do Coñecemento Libre e a importancia do seu desenvolvemento. O curso en cuestión titúlase: 'Coñecemento e software libre: aspectos tecnolóxicos e sociais'.

A súa inauguración será o próximo 7 de Xullo e estará presidida polo presidente da Xunta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, o reitor da UNED, Juan Antonio Gimeno, o director de Innovación do Centro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico (Cindetec), Rafael Pastor, e o fundador e portavoz de Iniciativa Focus, Ramón Ramón.

Máis información detallada sobre o curso en:

http://apliweb.uned.es/cverano/cursos.asp?idcurso=075
http://www.scc.uned.es/cv_softlibre/

Lugar de celebración:   Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática de Mérida
Duración do evento:   Do 7 ao 11 de Xullo

Fonte.

asennadas

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2002-’03, opos)

Ao remate da miña estadía no IES Pedro Floriani de Redondela presenteime ás opos de Informática referidas ao ensino secundario. Como dixen no anterior artigo desta serie, todas as preguntas xiraron ao redor de M$ e, por suposto, a miña intervención foi absolutamente testimonial, non xa pola temática privativa senón pola case que nula preparación que levaba.

Aínda así, a experiencia gustoume e saín moi animado coa idea de preparame para as vindeiras (sen saber se se ían celebrar!) e, de paso, acadar uns coñecementos teóricos nalgo que me atraía profundamente.

Como facelo? Tiña que deseñar unha estratexia axeitada para poder enfrentar con certa solvencia os 74 capítulos do temario. Daquela pensei seguir na liña do SwL, con GNU/Linux como único sistema operativo co que traballar. Isto evidentemente era unha aposta sumamente arriscada pero foi a miña escolla porque, entre outras cousas, faríao con paixón.

Outra das medidas que tomei foi a de tentar cubrir todo o temario, daí que fixen os meus cálculos: setenta e catro entre uns 360 dias saía a uns catro dias para cada tema e deixaría dous meses para o repaso. Iría procurando información, mercando libros, facendo resumos nunha carpeta, repasándoos sistematicamente e practicando sobre GNU/Linux. Todo ilo coa máxima rigurosidade que esixía a miña estratexia.

Claro, nisto tivo moito que ver a miña boa situación financieira. Os atrancos que tiña sufrido xa eran historia e comezaba a obter os froitos do mega esforzo da década anterior.

Chegan as oposicións e todo érame coñecido mais non na profundidade que esixían. Por exemplo, o cuestionario de tipo test ofrecía cinco posibles solucións, todas elas moi semellantes e co agravante de descontar puntos se errase. Como é de supoñer, resultoume moi difícil, tamén a seguinte parte, a de programación.

Pese a todo saín satisfeito, a fin de contas posuía unha formación que antes non tiña xunto a unha sólida paixón polo SwL construida ao longo dos xa daquela cinco intensos aniños.

Que facer despois diso? Antes de nada tomar unhas vacacións. Namentres as disfrutaba, pensei reabrir a porta que abrira da enxeñería técnica informática da UNED, traballar comodamente co meu pai que era como non facer nada posto que me ocuparía tan só unhas horas ao mes, complicarme a vida procurando emprego como Economista con amplos coñecementos informáticos e deixar de disfrutar da familia na intensidade coa que viña facendo, etc.

E aí que aconteceu algo que me chamou a atención, para ben e mal. Para ben porque era a primeira vez que lía un artigo, concretamente no suplemento de negocios de El País, explicando que era isto do SwL. Para mal, porque me irritaba comprobar que falaban de Estremadura e eiquí tiña a sensación de que ninguén facía nada!

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (2001, IES no Meixueiro)

Trala breve (3 meses) experiencia como substituto en ciclos de Economía na Estrada, seguiría crendo que, sen présa, ía facer enxeñaría informática pola UNED. Mais non tiven nin tempo de coller forzas dado que axiña me chaman de novo para unha nova substitución no IES Ricardo Mella do Meixueiro, preto de Vigo.

Foi moi curioso o tempo que alí pasei pois, en principio, só iría substituir ao xefe de estudos uns quince dias. Porén a súa doenza foi máis grave e finalmente cheguei estar alí ata xullo. Facendo o que? Pois cinco horas de contabilidade como horario lectivo e o resto como xefe de estudos! Incríble! Como é posible que un pringao poida ser xefe de estudos? Ben, a verdade é que non fixen máis ca estar no seu despacho, facer unhas rutinarias anotacións a cotío e logo todo o tempo sobrante para min. E claro, ese tempo ía para fedellar cun portátil que mercara de segunda man ao que lle instalara unha Slackware 7.0 e un FreeBSD.

Nese IES aproveitei para imprimir moitos manuais que se xuntarían á xa ampla colección de libros e revistas (mercábaas todas, mes a mes) que posuía sobre GNU e Linux. Alén diso, o horario era magnífico, traballaba de 18hs ás 22 hs, só iso. Bo soldo e horario de envexa... seino.

Un dos fitos dese ano foi, con certeza, a reunión do departamento de Economía. Nun dos puntos do dia estaba preparar e orzamentar a chegada do Hasefroch XP. A pesares de ser substituto tiven que asistir a dita reunión. Sabía das intencións da migración a XP mais non sabía do rexeite tan acérrimo que tería a miña proposta de migración cara GNU/Linux. Houbo excusas de todo tipo e gusto, como "é que as empresas a onde van ir traballar empregan Hasefroch", "é que todo o mundo emprega Hasefroch"... e non convenceron as miñas razóns de liberdade, independencia tecnolóxica, aforro (+100.000 ptas o XP profesional e algunha cousa máis para un único posto en troques dunha caixa con varios CDs e libros para todo o instituto por 12.000 ptas), etc. Até houbo tensión no debate, demasiada tensión... Era eu contra todos, un pringao contra todos!

Logo souben dunha ulterior xuntanza na que non participaría polo seu caracter, digamos informal, no que o responsable comentaría que para aprender Linux custaría un mínimo dun ano. En fin, aquel dia marcaríame profundamente pois fun un descoñecido para min mesmo, nunca fora quen de enfrentarme a un grupo numeroso en solitario, nunha loita todos contra un, un contra todos.

Nese IES coñecera a outro economista no meu departamento que comezaba interesarse polo SwL e a quen lle instalara GNU/Linux no seu portátil. Mágoa non ser quen de configurarlle axeitadamente as X (contorna gráfica) pois a súa tarxeta gráfica non estaba aínda soportada porque iso deulle forzas a quen rexeitaba a miña proposta de liberdade.

Outra anécdota. Un dos meus compañeiros da xunta directiva quería procurar a letra dun tema country. Procurou en Terra, Lycos... e aínda non coñecía Google. Aliás, ninguén coñecía Google! Daquela estábamos no estoupido bursátil das puntocom. Puxo Google como páxina preferida ao comprobar que lle atopara o que procuraba.

A pesares da tensa experiencia sufrida naquela reunión de departamento, esa substitución lembrareina sempre con moito agarimo pois tiven tempo de mellorar os meus coñecementos técnicos, dispor de tempo de lecer e solidificar a ética da libre transmisión do coñecemento.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no Sw Libre (2000, UNED e IES)

Aprendín moito no LinuxMaster do 1999 e comecei pensar na posibilidade de aproveitar o tempo libre que tiña facendo a enxeñaría técnica informática pola UNED. Amais é que resultaría até cómodo pois xa tiña o 1º de enxeñaría aprobado e a carreira de CC. Económicas ben rematada. Non errei ao supoñer que me ían convalidar unha morea de asignaturas. E así foi, creo que foron ata 7 ou 9 asignaturas convalidadas, todas as que máis me custaría facer: matemáticas, física, estadísticas e até algunha específica de Económicas. En resume, tiña que facer a carreira cunhas 23 asignaturas, todas específicas de informática, é dicir, o ideal!

Namentres non chegaba o comezo de curso, seguín practicando a reo. Probara as distros Mandrake 6.1, Slackware 7.0, a brasileira Conectiva 4.1... e até cheguei mercar varias delas.

Comprendía o modelo de negocio que se asentaba arredor do Sw Libre e mailo Open Source, sempre de xeito autodidacta e solitario pois aínda non tiña con quen compartir esta paixón, agás co amigo Manuel, con quen seguía facendo quedadas de fin de semana. Daí que mercara distros de libre descarga. Fíxeno por diversas motivacións. Sentíame na obriga de axudar a quen mo daba de xeito libre, tamén quería ler as documentacións que incluía, os adhesivos que acompañaba... en fin, tampouco eran moitos cartos (unhas 10 ou 15.000 ptas).

OpneBSD 2.7A primeira que merquei foi a OpenBSD 2.7 (aínda a conservo). Xa probara a FreeBSD mais esto era outra cousa moitisimo máis complexa. OpenBSD vén pechada por defecto, é dicir, o que queiras facer en rede significaba complexos axustes para un simple afeccionado. Porén, adoraba varias calidades das *BSD (probei FreeBSD e OpenBSD) como a velocidade, limpeza, o doado da compilación do seu kernel ou o seu make world. Imprimín as súas documentacións para pór en práctica todo canto poidese.

Comecei o curso na UNED tendo preparadas as ferramentas axeitadas para estudar e practicar, sempre evitando empregar sw pivativo. Levando un mes ou algo máis recibo unha chamada solicitando a miña incorporación como substituto no IES Antón Losada da Estrada para dar... materias de Economía! Finalmente aceptei ir por mor dos conselllos familiares.

Alí atoparíame ao xefe de estudos que xa estaba a traballar nunha RedHat para os seus documentos en Latex. Ninguén máis sabía do tema. Puiden sementar algo de SwL no módulo de Informática pois un dos seus profesores, Marcial, amosara interese no tema polo que puiden deixar un par de equipos con GNU/Linux e arranque dual. Sei de primeira man que hoxe traballan moito con SwL, sobre todo en servidores.

Na Estrada estiven ata febreiro do 2001, só tres meses. O tempo suficiente para ter que adiar os meus recentemente iniciados estudos de enxeñaría.

Chuzame! chuzame -

A miña andaina no SwL (LinuxMaster no ‘99)

Confirmando o titular do anterior artigo desta serie, o ano '99 foi un ano tan intenso que concluiría cun LinuxMaster en Global, Centro de Especialización Informática y de Empresa, creo que desparecida actualmente. O profesor fora Luis Muelas, o mesmo que me propuxera facer unha distro un tempo despois e ao que eu chamara no 2003 para crear unha asociación. De feito consta como socio fundador de AGNIX aínda que a súa estadía na asociación fora efímera demais.

No '99 xa dispoñía de tempo libre dabondo para adicarme ao SwL. Estaba coa filla polas mañás, daquela con dous aniños, e pola tarde no negocio do meu pai. Alén diso, comezábamos a sair da inestabilidade financieira na que nos atopábamos. Con todo, estaba en condicións ideais para practicar a reo.

Dado que non puiden atopar xente coa que compartir coñecementos, facer o LinuxMaster supoñía unha oportunidade que non podía deixar escapar. O curso comezaba en outubro coa intalación e administración de distribucións, basicamente Slackware, RedHat e SuSE. Decidín no ir porque cría ter os coñecementos suficientes nese apartado concreto. Si fixen o de Traballo en Rede e mailo de Arquitectura cliente/servidor, todo baixo GNU/Linux. Desilusionoume bastante sermos só dous alumnos, eu moi ilusionado, até apaixonado, e outro cun recente título de FP que fora por ir, sen máis.

Aínda así, aprendín moito, con certeza, pois non hai nada como ollar a outro manexando o teclado e preguntarlle continuamente "e iso como se fai?". Instalamos Postgres, Webmin, conectamos redes por NFS e Samba, accedimos por telnet e ssh, configuramos sudo, abrimos accesos para traballar remotamente con aplicacións gráficas... En resumo, moi ben polo aprendido e ruinoso no canto de atopar xente con inquedanzas afíns.

Con estas experiencias e á beira dun novo milenio fun meditando comezar Enxeñaría Informática Técnica pola UNED... mais iso acontecería no 2000.

Chuzame! chuzame -